OUTES> A Feira Náutica de Outes consolidouse nesta segunda como un referente no sector de toda a comarca. As embarcacións tradicionais e os postos do mercado mariñeiro foron os principais atractivos dun evento no que se deron econtro diversos profesionais do sector naval.
Éxito de público na Feira Náutica que se celebrou esta fin de semana no Porto do Freixo. Unha vintena de expositores conformaban a oferta desta segunda edición organizada polo concello de Outes e o GALP Costa Sostible.
Ademais de dar a coñecer as últimas novidades en sectores profesionais como a construción naval ou os servizos náuticos, a feira serviu para enxalzar a tradición e cultura mariñeira da vila e da comarca. As embarcacións tradicionais centraron boa parte da atracción dos visitantes cunha exposición en terra e unha regata de bucetas no mar. Non foi esta a única saída pola ría posto que se ofertaron tamén rutas a bordo do Joaquín Vieta así como diversos roteiros culturais percorrendo as pegadas do mar por terra.
No apartado gastronómico desenvolvéronse degustacións de produtos da zona, con especial presenza das conservas. Así, instaláronse diversos postos no mercado mariñeiro dedicados á venda non só de produtos de alimentación senón tamén de artesanía.
A música acompañou tamén tódalas actividades con concertos e actuacións durante os tres días que durou a feira. O bo balance desta edición fai pensar na continuidade desta iniciativa co obxectivo de ampliar o número de empresas participantes de cara ó próximo ano.










