O home que disparou á súa exparella no Grove asegura que non recorda os feitos na primeira xornada de xuízo

O GROVE> Primeira xornada do xuízo contra o home que disparou á súa exparella no Grove no ano 2018. A preguntas da Fiscalía, o acusado asegurou que non recorda nada dos feitos. Enfróntase a unha pena de case 22 anos de cadea.

O home que disparou á súa exparella no Grove no 2018 asegura que non recorda nada dos feitos. Hoxe celebrouse a primeira xornada do xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. El chegou en ambulancia, en cadeira de rodas e con máscara.

O acusado asegurou que todas as referencias que ten sobre o sucedido en decembro de 2018 son polo lido na prensa. Recordemos que o día 5 disparou á súa exparella e se atrincheirou na casa dela para despois pegarse dous tiros.

Tralo intento de suicidio, o home estivo en coma e permaneceu ingresado dous meses. Entrou en prisión pero quedou en liberdade no 2020. Nos últimos meses regresou ao cárcere para asegurar a súa presenza no xuízo. No tempo que estivo en liberdade, a súa vítima denunciou numerosos quebrantamentos da orde de afastamento.

Hoxe prestaron declaración tanto o acusado como a vítima e a filla. Aínda que a vista arrancou cun acordo entre as partes, finalmente o acusado mudou de postura e non recoñeceu os feitos. O xuízo retomarase o vindeiro mércores 24 de xullo.

O agresor enfróntase a unha pena de 21 anos e 11 meses de prisión. A Fiscalía acúsao dun delito de maltrato habitual co agravante de que os feitos sucederon no domicilio da vítima en presenza da súa filla menor, un delito continuado de quebrantamento da orde de afastamento, un delito de asasinato con aleivosía en grao de tentativa co agravante de parentesco e de xénero e un delito de tenza de armas prohibidas.