O Rosalía de Castro mantén o pulso e reclama as dúas aulas en terceiro

O GROVE> Un centro que se está a mobilizar antes do inicio do curso é o Rosalía de Castro, no Grove. As nais e pais levan varios días concentrándose para protestar pola ratio en varios cursos de infantil e primaria e, sobre todo, pola decisión da Consellería de Educación de unificar dous cursos de terceiro. Algo que, aseguran, impide que se cumpra cos protocolos anticovid.

As ratios por aula en varios cursos son tamén o cabalo de batalla para a comunidade educativa do colexio Rosalía de Castro, no Grove. Nais e pais levan días concentrándose ante o centro para protestar por esta situación, especialmente en terceiro de primaria: a Consellería de Educación decidiu unificar as dúas aulas que había o ano pasado.

Na clase resultante desta unión haberá 25 alumnos, dificultando o cumprimento das medidas de seguridade sanitaria recomendadas para evitar contaxios. As nais e pais aseguran que non se trata dun problema de aulas, senon que deriva da decisión de Educación de suprimir unha praza de mestre.

As nais e pais denuncian que os tres cursos de Educación Infantil e o de Segundo de Primaria tamén están ao máximo de ocupación, con 25 alumnos por aula.