O Obradoiro de Hostalaría do Salnés bótase á rúa cunha orixinal xira pola comarca

O SALNES> Os alumnos do Obradoiro de Hostalaría do Salnés bótanse á rúa. Ante as restricións que impiden organiza-las súas clásicas degustacións, decidiron crear unha xira comarcal con showcookings polos distintos concellos, botando man dos produtos de proximidade. A súa idea é organiza-la actividade en lonxas ou portos para que os espectadores poidan ve-lo seu traballo con tódalas garantías.

Se Mahoma non pode ir á montaña, por mor das restricións sanitarias, a montaña vai a Mahoma.  O alumando do Obradoio de Hostalaría do Salnés vaise embarcar nunha xira comarcal, con showcookings nos que amosarán o seu traballo.

A súa idea é percorre-la xeografía do Salnés, facendo paradas en lugares emblemáticos. Entre eles, lonxas e portos. Porque sexa da costa ou do interior, en cada lugar hai algo especial que levar á boca. Iso si, en cada caso o prato reinventarase co toque propio do Obradoiro. Ademais, queren marida-las súas creacións con propostas moi orixinais.

Para levar a cabo esta xira gastronómica, no obradoiro van preparar un espazo móbil, con pantallas, para que o público poida seguir a elaboración dos pratos.

A actividade está pensada para un público aberto. A súa intención é arranca-lo percorrido pola comarca en canto as restricións sanitarias o permitan. Entre as paradas que teñen en mente: Sanxenxo, Portonovo, O Grove, Cambados, Vilanova, Vilaxoán, Vilagarcía, Meaño, Meis e Ribadumia.