A Anpa do Anexo da Lomba contra o peche da aula de 3 anos: ‘Nosos fillos non son recursos queremos unha educación de calidade’

VILAGARCIA> A Anpa e o profesorado do Anexo A Lomba mobilízanse contra  a decisión da Xunta de pechar a aula dos estudantes de 3 anos. A consellería tomou a decisión ao contar o centro con tan só 12 alumnos para o vindeiro curso. Dende a Anpa defenden a aula afirmando que contarían con máis nenos que noutras escolas e que poderían recibir unha educación de máis calidade.

O pasado 30 de xuño, pechou o prazo de inscrición das matrículas das escolas de infantil. Chegada a data, dende o Anexo da Lomba tiñan matriculados a 12 nenos e nenas de 3 anos, máis da metade dos 20 cos que podería contar a aula. Unha cifra baixa, pero que dende o centro non agardaban que tivese as consecuencias que final tivo, a consellería de educación eliminará a aula o vindeiro curso. Contra esta decisión, a Anpa e o profesorado se manifestaron este xoves ás portas do centro.

Dende a Anpa denuncian que as alternativas que propón a consellería causarían importantes inconvenientes para as familias, como por exemplo que a escola máis próxima está a dous quilómetros.

 A Anpa tamén denuncia que a Xunta alegou que esta decisión foi tomada por motivos de optimización de recursos. Ante esta xustificación, as nais reclaman que os seus fillos non son un recurso e que o queren é unha educación de calidade.

O profesorado xa mandou un escrito á consellería mostrando a súa desconformidade. Ademais, dende Anpa recolleron sinaturas de persoas contrarias a esta decisión. Se a consellería non toma medidas, Anpa e profesorado aseguran que continuarán mobilizándose.