NOIA> Miles de persoas pasaron esta fin de semana por Noia para mergullarse no seu pasado medieval. O 25 aniversario da feira bateu récord de participación e consolidou esta cita festiva como un referente en toda Galicia.
Veciños e visitantes encheron esta fin de semana as rúas de Noia para vivir unha das festas máis senlleiras da localidade. A Feira Medieval congregou numeroso público atraído polas numerosas actividades programadas dende o pasado xoves.
O mercado medieval, con máis dun cento de postos, ofrecía todo tipo de produtos artesáns, gastronómicos así como obradoiros e mostra de oficios tradicionais. A cada paso, os visitantes puideron gozar tamén de diversos números de animación de rúa sumados ós espectáculos de gran formato.
Unha vez máis, os torneos de cabaleiros desenvolvidos no paseo engaiolaron a nenos e maiores que tiveron tamén ocasión de disfrutar da música con concertos como o que ofreceu o grupo Skaldir o sábado pola noite na praza do Tapal.
Serviu como aperitivo a unha das actividades máis fermosas da feira: o desfile de fachos que percorreu as principais rúas da vila acompañado dos Xograres de Noega en conmemoración do Portus Apostoli.