Noia volve florecer grazas ós usuarios da asociación A Misela

NOIA> Noia pon en marcha unha nova edición de ‘Noia Florece’. Esta campaña, en colaboración coa Asociación A Misela, contribúe a embelecer o centro histórico coa decoración floral realizada polos usuarios da entidade. Este ano procedeuse tamén ó pintado de varios murais e á recuperación do parque do Monte do Bolo.

Así de fermosa loce Noia trala posta en marcha dunha nova edición da campaña Noia Florece, promovida polo concello en colaboración coa asociación A Misela. Ademais da decoración de rúas, este ano pintáronse varios murais que embelecen aínda máis unha vila xa fermosa de por si.

Outra das novidades deste ano é a incorporación a esta campaña do parque do Monte do Bolo, despois da recuperación deste espazo que se atopaba degradado. O recinto, emprazado no barrio de San lázaro, e conectado co centro histórico mediante unha ponte peonil, abrirá de nove da mañá a dez da noite e estará dotado con baños adaptados e tódolos servizos necesarios para os visitantes. A intención do concello é realizar unha reparcelación do espazo que se distribuirá en microxardíns, a través dun concurso de ideas.

O alcalde animou ademais ós veciños a sumarse a esta campaña engalanando patios e balcón co obxectivo de atraer aínda máis visitantes, cos consecuentes beneficios para o comercio e hostalería local. Outro dos obxectivos da campaña é sensibilizar á poboación sobre a importancia de coidar o patrimonio público para minimizar os actos vandálicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí