PORTO DO SON> Un ano máis, e van alá xa 31 edicións, Porto do Son acollerá esta fin de semana unha das súas principais citas festivas, como é a Festa do Polbo.
Este ano coa novidade que, á tradicional xornada do sábado, se prolongará tamén ó domingo.
O primeiro día arrancará ó redor da unha do mediodía co pasarrúas a cargo de varios grupos de música tradicional, para a continuación dar comezo á degustación.
Repartirase ó redor dunha tonelada de cefalópodo, cociñado ó estilo tradicional.
Dos fogóns encargarase un ano máis o polbeiro Veloso, que ofrecerá o polbo a prezos populares para que todo o mundo poida degustar o rico cefalópodo.
Como vén sendo costume nas últimas edicións, de xeito paralelo, celebrarase tamén a Andaina do Polbo, con saída dende a zona portuaria en autobús ás oito da mañá cara Boiro, para iniciar alí, o percorrido á inversa a pé.











