As principais innovacións do sector vitivinícola de Galicia danse a coñecer en Ribadumia

RIBADUMIA> As principais innovacións do sector agrario e, en concreto, do vitivinícola déronse hoxe cita en Ribadumia. A Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía celebrou o quinto Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario. Un encontro no que se abordaron avances en tratamentos fitosanitarios ou na mellora da produtividade. Tamén, avances en canto a adaptación do sector ao cambio climático, como novos sistemas para atender as necesidades hídricas.

Sete proxectos foron os protagonistas do quinto Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, impulsado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Un encontro celebrado na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia e no que, polo tanto, o sector do viño estivo moi presente.

Temáticas de distintos eidos, pero que teñen como nexo común a importancia da investigación e a innovación. Outro elemento que compartes os sete proxectos presentados aquí vai na liña de adaptar o sector aos desafíos que supón o cambio climático.

Nesa liña, salienta un dos proxectos con base no Salnés e coa implicación da Adega Martín Códax. O estudo chámase Regavid e céntrase nas posibles necesidades hídricas dos viñedos no futuro.

Nalgúns destes estudos tamén están presentes as universidades de Vigo ou Santiago. Tamén a Deputación de Pontevedra que, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, participou no proxecto Plasmowine .

O foro rematou cunha visita ás instalacións e predios da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, da man dos seus responsables.