O paro dos transportistas complica a actividade nas conserveiras das Rías Baixas

RIBADUMIA> O paro dos transportistas e o encarecementos de produtos como o aceite de xirasol está complicando a actividade das conserveiras das Rías Baixas. A entrada de materia en planta e a saída de mercadorias estanse vendo afectadas dende a semana pasada. Nunha desas empresas, Conservas de Cambados, a actividade mantense a pleno rendemento, empregando produto conxelado. Ante a acumulación de produtos por falta de transporte, marcan como data límite para dete-la produción o mércores da semana que vén.

A situación nas conserveiras estase vendo afectado polo paro do sector do transporte. Nestas instalacións de Conservas de Cambados, levan dende a semana pasada arrastrando unha dobre problemática: a meteria prima non entra e o produto final non sae.

O produto queda aquí almacenado á espera de ser distribuído. Un problema que, de prolongarse moito a folga, implicará despois un colapso nos repartos.

Nesta planta están a empregar con produto conxelado, ante a falta de frescos. Manteñen unha liña de atún e outra de lura, pero están perdendo de traballar con outros produtos, como o ourizo. Con todo, polo de agora nesta conserveira manteñen o ritmo habitual, con  case medio cento de traballadoras en activo, confiando en que a situación volva ao rego canto antes.

E aos altos prezos da luz ou o gas hai que engadir a suba dos envases ou do aceite. No caso do de xirasol, motivado pola guerra de Ucraína.

Na conserveira din que seguen tomando decisións día a día. Con todo marcan como data tope o mércores da semana que vén para ter que tomar medidas drásticas. Din que se para daquela os problemas do transporte non quedaron resoltos, haberá que detela produción e as traballadoras terán que ir para a casa.