Ribadumia reforza o seu servizo de recollida de lixo e avanza nun proxecto piloto de recollida porta a porta

RIBADUMIA> Ribadumia reforza o seu servizo de recollida de lixo. O concello vén de incorporar nova maquinaria e case 300 colectores para facilitar a separación e reciclaxe dos residuos. A compra supuxo un investimento de 490.000 euros ao abeiro do plan da Deputación de Pontevedra PON2030, cunha achega de 200.000 euros da administración provincial. Os novos recursos tamén permitirán implantar un proxecto piloto de recollida porta a porta na parroquia do Couto de Arriba.

Un novo camión RSU, outro camión satélite, un lavacontedores e case 300 colectores de lixo. Son os novos recursos que o concello de Ribadumia incorpora ao seu servizo de recollida municipal.

Esta compra enmárcase nun proxecto que o concello presentou ao programa PON2030 da Deputación de Pontevedra orzamentado en 494.000 euros. Así, recibiu unha achega de 200.000 euros da administración provincial. Os cartos restantes procederon de fondos propios.

O novo servizo que xa está a poñer en marcha o goberno local inclúe o reparto dunha nova rede de contedores por todo o termo municipal que consta de 122 unidades de amarelos, 122 azuis e 50 contedores marróns para a fracción orgánica. Ademais, o concello porá en marcha un proxecto piloto para implantar a recollida porta a porta nun cento de fogares da parroquia do Couto de Arriba.

O obxectivo do concello é ter implantado este novo servizo de recollida porta a porta no prazo dun mes. Antes, ten previsto celebrar reunións cos veciños para coordinar o seu funcionamento.