ENCE abre en setembro a convocatoria do seu novo Plan Social

PONTEVEDRA> ENCE abre a convocatoria dunha nova edición do seu Plan Social. Os proxectos poderán presentarse entre o 2 de setembro e o 1 de outubro, e deberán desenvolverse no ámbito territorial de Pontevedra, Marín e Poio. Para estas achegas, a empresa destina un total de 3 millóns de euros por edición.

Entre o 2 de setembro e o 1 de outubro permanecerá aberto o prazo para optar ás axudas da nova edición do Plan Social de ENCE. Poden presentarse persoas xurídicas e físicas que poñan en marcha proxectos nos ámbitos territoriais de Pontevedra, Marín e Poio.

Como as anteriores, esta nova edición do Plan Social está dotado con 3 millóns de euros. Está en marcha dende o ano 2016, despois do acordo acadado entre a empresa e a Xunta de Galicia.

Promoción do emprendemento e innovación e a promoción do deporte de base e de elite son as categorías con maior dotación orzamentaria, ata os 700.000 euros. Algo máis de 500.000 teñen as de promoción da inclusión social e a recuperación e coidado do entorno, mentres que a destinada á promoción da educación e cultura acada os 450.000 euros. Para a  administración, xestión, comunicación e dixitalización das axudas destínanse 70.000.

Dende ENCE destacan a boa acollida deste Plan Social. Na pasada edición beneficiáronse 306 proxectos, pero dende a súa posta en marcha xa se repartiron axudas por un valor de 12 millóns de euros a un total de 1.117 iniciativas.