RIBEIRA> A deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, visitou esta mañá as instalacións de Ambar en Ribeira. Alí participou nun curso de habilidades dixitais para previr as violencias sexuais, cofinanciado pola Deputación da Coruña.
A campaña de prevención da violencia de xénero que promove a Deputación da Coruña ó redor do 8M e se desenvolve durante todo o ano quixo achegar parte da súa programación a centros que traballan con persoas con diversidade funcional. Leváronse a cabo en 10 concellos da provincia unha serie de obradoiros de capacitación dixital para detectar desigualdades e previr a violencia de xénero a través das redes sociais.
A deputada responsable da área de Igualdade na Deputación, xunto coa concelleira de igualdade de Ribeira, tivo ocasión de compartir cos alumnos de AMBAR os contidos deste curso, que pretende tamén dotalos das ferramentas necesarias para pedir axuda ou denunciar posibles abusos no entorno dixital.











