BARBANZA> A Garda Civil desartellou un grupo criminal dedicado ó narcotráfico na comarca do Barbanza. Polo momento hai nove detidos no marco da operación ‘Claudo’ que continúa aberta.
Nove detidos, entre eles provedores, transportistas e destinatarios finais da droga, no marco da operación Claudo desenvolvida pola Garda Civil. Este grupo criminal dedicado ó narcotráfico distribuía, dende o Barbanza, 180 quilos de cocaína ó ano a toda Galicia.
Para transportar a droga contaban con vehículos dotados de habitáculos ocultos e motocicletas de gran cilindrada. Utilizaban como cobertura as instalacións dunha coñecida cadea de supermercados ubicada na ría de Arousa para levar a cabo as transaccións sen levantar sospeitas. Dos nove detidos, sete xa ingresaron en prisión.
Nos rexistros levados a cabo polos axentes, incautáronse dous quilos e medio de cocaína, dous de marihuana, cinco de ácido bórico utilizado para adulterar a cocaína, e diversos medios para o preparado e distribución das drogas. Tamén se interviñeron 123 mil euros en efectivo e varios vehículos.
A operación está a ser coordinada polo Xulgado de Instrución Número 3 de Ribeira.











