A Xunta investiu máis de 278 millóns de euros en case 2.700 actuacións nos centros educativos galegos

GALICIA> Máis de 278 millóns de euros investidos en obras en centros educativos de Galicia. É o  balance que a Xunta fai da execución do seu Plan de nova arquitectura pedagóxica no período 2021-2024. Foron case 2.700 actuacións de rehabilitación e mellora de diferentes colexios e institutos.

Entre o 2021 e o 2024, a  Xunta de Galicia realizou case 2.700 traballos de rehabilitación e mellora de centros educativos na comunidade.  Foi no marco do seu Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Segundo o goberno autonómico, o  98% das actuacións previstas están rematadas, en  execución ou licitadas, por un importe que supera os 229 millóns de euros. En canto ao 2% restante, xa están comprometidas polo que a súa execución está próxima. Neste caso, o orzamento inicial é de 49 millóns de euros.

Entre as actuacións, destaca a realizada no instituto Valle-Inclán de Pontevedra. Unha rehabilitación integral dun edificio senlleiro que contou cun orzamento de case 5 millóns de euros. Tamén as ampliacións do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, con 2,8 millóns de euros, a ampliación do instituto Aquis Celenis, en Caldas, con 5,4 millóns, ou a  do Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía, cun orzamento de 3,7 millóns de euros.

En total, na provincia da Coruña realizáronse 988 actuacións por un importe de case 77,4 millóns de euros. Na de Pontevedra, foron 613 por máis de 77,9 millóns de euros. Ademais das  grandes intervencións, o plan contemplou actuacións como o cambio  de cubertas, fiestras e iluminación, a instalación de placas fotovoltaicas ou tarefas de pintado, reformas  de aseos  ou melloras da accesibilidade.