Pontevedra mantén pechados os parques e as zonas arboradas, pendente da avaliación dos servizos municipais

PONTEVEDRA> O paso do temporal Kirk tamén se deixou notar con forza en Pontevedra. Na cidade, rexistráronse decenas de incidencias durante a madrugada e as primeiras horas da mañá. Así as cousas, ningunha deixou consecuencias de gravidade para as persoas. Foron principalmente caídas de árbores que, nalgúns casos, obrigaron a cortar vías de circulación. Parques, xardíns e outras zonas arboradas continuarán pechadas, alomenos ata mañá.

Durante a madrugada e gran parte da mañá, non houbo tregua para os servizos de emerxencias de Pontevedra. O temporal Kirk bateu con forza na cidade, deixando un regueiro de incidencias en diferentes partes do concello.

A máis repetida foi a caída de árbores, como sucedeu con dous exemplares na Alameda. Outro obrigou a cortar a avenida de Bos Aires durante gran parte da mañá. Menos tempo foi preciso interromper o tráfico na avenida de Marín, despois do derrubamento dun gran tileiro. As árbores tiradas polo vento na rúa Portugal de Monte Porreiro e no instituto A Xunqueira II provocaron danos en coches e na senda do Gafos un exemplar rompeu unha pasarela de madeira.

O concello decidiu manter pechados alomenos ata mañá parques, xardíns e outras zonas arboradas.

Segundo Meteogalicia, as chuvias rexistradas en Pontevedra durante as doce horas do paso do temporal foron de 50 litros por medro cadrado.