As empresas xa poden solicitar solo industrial gratuíto durante os oito primeiros anos

GALICIA> As empresas xa poden ter solo empresarial gratuíto durante os oito primeiros anos. Será en réxime de dereito de superficie. Trátase dunha medida pioneira impulsada dende a Xunta que permitirá ao tecido empresarial galego acceder a máis de medio millón de metros cadrados situados nunha vintena de áreas industriais galegas. Para poder optar a esta iniciativa, o solo terá que ser propiedade de Xestur.

Facilitar o asentamento de novas empresas en Galicia ou ampliar as existentes. É o obxectivo que persegue a Xunta cunha das súas medidas: que todas as empresas que o soliciten poidan ter solo empresarial gratuíto durante os oito primeiros anos.

A medida xa está en marcha dende este luns. É a primeira vez que se licita de xeito simultáneo a posibilidade de adquirir solo empresarial e a concesión do dereito de superficie. No caso de apostar pola segunda fórmula, o solo empresarial será gratuíto durante os primeiros oito anos. A partires do noveno, o canon a aboar sería do 3,5% do prezo de venda da parcela.

Deste xeito, o goberno autonómico dá cumprimento a un dos seus compromisos para a primeira parte da lexislatura. A iniciativa está recollida na nova estratexia de política industrial da Xunta.

O novo concurso público de venda e concesión de dereito de superficie das parcelas propiedade de Xestur porá ao dispor do empresariado galego preto de 522.000 metros cadrados en case unha vintena de áreas empresariais da Comunidade galega, unha cifra que se verá incrementada nos próximos meses a medida que se vaian incorporando novos proxectos de desenvolvemento do solo impulsados desde a Administración autonómica.