Boa Vida impulsa un programa pioneiro para loitar contra a soidade non desexada e a escaseza da vivenda

PONTEVEDRA> Loitar contra a soidade non desexada é o obxectivo do programa no que están a traballar a ONG Boa Vida e o concello de Pontevedra. Son dous proxectos: Vida compartida e Fogares Creativos, que se desenvolverán ata finais de ano en catro parroquias do municipio. Buscan dar resposta a dúas realidades: a demanda de compañía ou de coidados e a de escaseza de vivendas para alugar, sobre todo a persoas en situación de vulnerabilidade.

O concello de Pontevedra e a ONG Boa Vida van da man na posta en marcha dun programa para loitar contra a soidade non desexada e a escaseza de vivenda. A fórmula: apostar por modelos de vivenda compartida.

Botará a andar en catro parroquias, Santa María e Santo André de Xeve, Salcedo e Cerponzóns. Engloba dous proxectos. O primeiro chámase Vida Compartida. Arrancará de inmediato buscando persoas acolledoras. Despois, formarase aos participantes que terán que sentar as bases para a vida en común.

O segundo, bautizado como Fogares Creativos, pasa por atopar vivendas baleiras e propietarios dispostos a alugalas con prezos solidarios a persoas en situación de vulnerabilidade. Neste caso, Boa Vida asumirá este pago.

O programa mira tamén cara as persoas sen fogar. Neste caso, buscarán a coordinación con Cruz Vermella, Cáritas e os servizos sociais para ofrecerlles vivendas de xeito puntual.

En todos os casos, o proceso estará supervisado por Boa Vida. Encargaranse de seleccionar aos posibles conviventes, presentalos, guialos sobre as súas responsabilidade e monitorizar a convivencia.