A produción certificada galega ascende un 4,6%, ata máis dos 660 millóns

GALICIA> A produción agroalimentaria de calidade certificada galega ascende a máis de 660 millóns de euros. Trátase dun incremento dun 4,6% respecto ao ano 2023. O sector vitivinícola e o cárnico constitúen o 73% do valor total das produción agroalimentarias.

Medio Rural salienta o valor da produción agroalimentaria de calidade certificada galega, na que se inclúen 35 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas e os produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura ecolóxica de Galicia.

O seu valor en 2023 ascendeu a máis de 660  millóns de euros, superando nun 4,6% o acadado no exercicio anterior.

Dese total, 548 millóns correspóndense coas DOP e as IXP. Algo máis de 113 millóns, coa produción ecolóxica.

Dende o goberngo galego apuntan que estes datos consolidan a liña de evolución ascendente deste parámetro nos últimos anos.

Dentro da produción agroalimentaria de calidade galega, o sector vitivinícola e o cárnico constitúen o 73% do valor total. Dentro deste ámbito salienta o peso da DO Rías Baixas, así como a indicación xeográfica protexida da tenreira galega.

Por outra banda, en canto á produción ecolóxica liderada polo Creaga, o Consello Regulador da Agricultura ecolóxica de Galicia, situouse no 17% do valor total,

O 10% restante correspóndese a produtos de orixe animal, bebidas espirituosas, produtos de orixe vexetal e produtos de panaderería e repostería.

Son datos dun sector, ao que pertencen máis de 23.500 explotacións agrarias e case 1.250 industrias transformadoras e comercializadoras. Pero hai que ter en conta que as producións ao abeiro destes selos de calidade son só unha pequena parte da produción agraria galega, que representan menos do 15% do valor.