Un cento de alumnos recibirán formación específica dos principais sectores produtivos do Barbanza

BOIRO> Os concellos de Boiro, Rianxo e  A Pobra volverán colaborar nunha nova edición do Programa Integrado de Emprego. Os alumnos recibirán formación específica relacionada cos principais sectores produtivos da comarca así como técnicas de orientación laboral e busca de emprego.

Xa está en marcha o proceso de selección de alumnados para a sexta edición do Programa Integrado de Emprego que se desenvolverá no Centro de Formación de Espiñeira en Boiro durante o curso 2024-2025. Está dirixido a un cento de alumnos, homes e mulleres, que recibirán formación específica relacionada cos principais sectores produtivos da comarca.

Aínda que xa leva en marcha seis anos da man do concello de Boiro hai dous anos que se sumaron ó programa os concellos da Pobra e Rianxo co fin de seguir a apostar por mancomunar servizos non só no eido do turismo senón tamén da formación e do emprego.

E é que dende a súa posta en marcha destaca o alto índice de inserción laboral do programa con cotas sempre por riba o 50 por cento.