RIANXO> A piscina municipal de Rianxo ofrece a posibilidade ós seus abonados de poder realizar tamén a peregrinación a Santiago a nado sen saír das súas propias instalacións. Serán en total seis etapas que coinciden co trazado do Camiño A Orixe dende Corrubedo.
Aproveitando a enorme repercusión que está a ter o novo trazado do Camiño a Santiago A Orixe dende Corrubedo ata Compostela, a piscina municipal de Rianxo vén de lanzar un novo reto ós seus abonados. A posibilidade de realizar este percorrido sen saír das súas instalacións. Poden completar a ruta nadando en seis etapas.
Ademais de promocionar este novo percorrido xacobeo, a proposta busca tamén fomentar a actividade deportiva e os hábitos de vida saudables. A iniciativa está a ter xa unha gran aceptación entre os usuarios da piscina.
A proposta coincide cunha semana de portas abertas que ofrece a instalación co fin de ir recuperando a normalidade e incrementando o seu número de abonados, á baixa durante toda a época da pandemia.