A AECC busca afiliados en Pontevedra apelando ao ‘sentimento PTV’

PONTEVEDRA> Colaboración a tres bandas entre Rotary Pontevedra, concello e Asociación Española Contra o Cancro para captar novos asociados na loita contra o cancro. Unha vintena de carteis repártense pola cidade para apelar á xente a que se faga socia da asociación. Botan man de costumes e elementos típicos de Pontevedra, cunha linguaxe dirixida sobre todo á mocidade.

‘Ser parte da Asociación Española Contra o Cancro é máis PTV que un sábado de peñas en Santa María’. É unha das frases coas que a asociación busca captar novos membros. Dende hoxe xa se poden ler en diferentes carteis repartidos pola cidade.

O choripán da Feira Franca ou o sentimento PTV son outros dos elementos que dan forma á campaña ‘Asóciate!’, que vén impulsada por unha tripla unión: a Asociación Española Contra o Cancro, o concello de Pontevedra e o Rotary. Xuntos buscan chegar ao público máis novo.

Na actualidade, a asociación ten na provincia de Pontevedra un total de 14.675 socios. O obxectivo que se marcan é acadar os 15.000, tendo en conta que estas achegas supoñen un 90% dos fondos do colectivo.

Cada un dos carteis, situados en distintos puntos da cidade do Lérez, leva un código QR no que as persoas que o desexen poderán consultar máis información sobre como asociarse e a que se destinan as súas achegas.