Rianxo reclama máis persoal para o centro de saúde e ampliar o horario do PAC

RIANXO> Rianxo saíu a rúa atendendo á convocatoria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza para esixir unha atención primaria de calidade.

A multitudinaria mobilización, á que se sumaron tamén veciños de concellos limítrofes, partiu dende a rotonda de Té para rematar diante do centro de saúde.

Foi alí, onde unha representante da propia Plataforma deu lectura a un manifesto, no que unha por unha se  deron a coñecer tódalas carencias que ten actualmente o Centro.

Entre as súas reclamacións figura a necesidade de ampliar o horario actual do PAC, para que comece a funcionar xa dende as tres da tarde.

Outra das súas queixas garda relación coa falla de facultativos. Na actualidades só dispón de cinco médicos das oito prazas dispoñibles.

Pero dende a Plataforma sinalan que as súas queixas continuarán, ata que Sanidade non cumpra co que consideran, lles corresponde. Así seguirán coas concentracións os venres á unha da tarde diante do centro de saúde, ás que convidan á veciñanza a asistir.