A Xunta mercará 143 vivendas de promoción pública para destinalas ao alugueiro

GALICIA> A Xunta de Galicia avanza no seu compromiso de duplicar o parque público residencial nesta lexislatura. Entre as medidas, o goberno autonómico mercará 143 vivendas de promoción pública que actualmente están á venda para destinalas ao alugueiro. Delas, seis están na provincia da Coruña; 13, na de Pontevedra. Investiranse 8 millóns de euros.

143 vivendas que foran construídas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, adxudicadas en réxime de compravenda e que actualmente os seus propietarios teñen en venda, volverán formar parte do parque público residencial. A Xunta de Galicia será a súa compradora, destinándoas ao aluguer.

Estas vivendas están repartidas por toda Galicia. Seis están na provincia da Coruña e 13 na de Pontevedra. A gran maioría, segundo explicou o presidente, atópanse en concellos pequenos. A Xunta destinará 8 millóns de euros para afrontar esta operación.

A medida enmárcase no compromiso da Xunta de duplicar o parque público residencial nesta lexislatura. Facilitando, así, o acceso á vivenda da cidadanía.

Ademais de traballar nesta adquisición, o goberno autonómico está a desenvolver a construción ou a rehabilitación de máis dun milleiro de vivendas de promoción pública.

O obxectivo é acadar as 8.000 vivendas públicas nesta lexislatura.