Xornada de protestas en Vilagarcía polas pensións e contra os recortes laborais

VILAGARCÍA> Xornada de reivindicacións en Vilagarcía, con senllas concentracións en defensa das pensións e contra os recortes nas prestacións por desemprego. Neste último caso, a CIG -quen convocou a protesta- aproveitou para facer de novo un chamamento á cidadanía para que secunden a folga xeral do vindeiro 19 de xuño.

Este mércores veu marcado por dúas protestas en Vilagarcía. Por unha banda, os pensionistas volveron reclamar pagas dignas. Convocados por CCOO e a UXT, os xubilados cren que Rajoy fixo moitas promesas para incrementa-las súas pensións, pero que polo de agora non se está cumprindo ningunha. Esíxenlle compromisos reais non só para agora, senón tamén para as pensións do futuro.

O outro dos actos reivindicativos desta xornada foi convocado pola CIG, contra os recortes nas prestacións por desemprego. Ás portas das oficinas do antigo INEM, a central nacionalista denunciou que o executivo central quere unificar tódalas axudas de carácter asistencial. Segundo consideran, estamos ante un novo recorte do Partido Popular.

Dende o sindicato entenden que esta é unha razón máis para ir á folga xeral. Segundo indican, hai motivos máis que dabondo para apoia-lo paro do vindeiro 19 de xuño.