Rueda pecha o 2025 con ata seis cambios no seu goberno, tres deles en Medio Rural logo da peor vaga de lumes

GALICIA> Alfonso Rueda pecha o 2025 con cambios na Xunta. O presidente anunciou hoxe tres relevos na Consellería do Medio Rural, meses despois da peor vaga de incendios que viviu Galicia.

Logo do Consello da Xunta celebrado esta mañá, o xefe do executivo galego cesou a Jorge Atán, secretario xeral técnico desa consellería, que será substituído por Marta Forés. Tamén hai cambio na dirección xeral de Defensa do Monte, cargo que ocupaba Manuel Rodríguez e que será asumido por Manuel Francisco Gutiérrez. Jose Luis Chan, responsable de Planificación e ordenación forestal, deixa o seu cargo en mans de Luisa Piñeiro, a que fora alcaldesa de Moraña e que nestes momentos era xerente de Seaga.

Aproveitando a crise de goberno, tamén cesa como director xeral de Pesca, Acuicultura Cándido Rial, tan só seis meses despois do seu nomeamento. O cargo pasa a asumilo Isaac Rosón. Tamén cesa a petición propia José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o deporte. Responsabilidades que asume agora Roberto García. Tamén se nomeou a Damián Rey novo responsable da Amtega, a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia.

Rueda agradeceu o traballo a todos aqueles que abandonan o cargo, apuntando que o seu cese non supón unha emenda ao seu traballo en postos moi esixentes.