Outes restablece o servizo de auga municipal para o consumo humano

OUTES> Despois de quince días, dende que se decretara a prohibición do consumo de auga da traída municipal para consumo humano, por precaución, e debido á existencia dun brote de gastroenterite, que estaba afectando a parte da poboación, o Concello levanta a restrición.

Faino despois de recibir da consellería de Sanidade os resultados das últimas analíticas realizadas, que indican que a auga xa é apta para o consumo.

Fontes municipais informaron ademais que durante estas dúas semanas se estiveron realizando diversas labores de limpeza e desinfección das ETAPS e das redes municipais de abastecemento, seguindo as directrices da propia Consellería.

Aínda que as analíticas realizadas con posterioridade ó 15 de outubro, data na que se produciu o anuncio da prohibición, xa indicaban que auga estaba libre de contaminación microbiolóxica, Sanidade seguiu efectuando análises adicionais para descartar a presenza de norovirus e poder confirmar que a auga é apta para o consumo. 

O alcalde, Manolo González, agradeceu o comportamento exemplar dos veciños durante esta situación, así como o traballo desenvolvido tanto polos responsables da consellería de Sanidade como tamén da concellería de Obras e Servizos que dirixe Alba Quintela.

O rexedor tamén pediu pediu desculpas á veciñanza polos trastornos creados e anunciou que se tomarán medidas para mellorar a xestión da auga e minimizar así a posibilidade que se poida producir outra situación similar.