Serra do Barbanza convocará unha xunta urxente ante a escasa capacidade do actual vertedoiro

NOIA> No prazo máximo dunha semana, a Mancomunidade Serra do Barbanza convocará á xunta de goberno para decidir sobre o futuro do servizo da recollida do lixo. Urxe especialmente unha solución ante o esgotamento do actual vertedoiro de residuos con capacidade para apenas 15 días.
O salón de plenos de Noia acolleu esta mañá unha reunión dos  concellos que integran a Mancomunidade Serra do Barbanza e a empresa FCC para poñer sobre a mesa a actual situación do servizo de recollida e tratamento do lixo unha vez caducada a concesión. Posto que se trata dun servizo básico, a empresa continúa a prestar servizo aínda que cunha actualización de prezos que non establece unha tarifa global como ata o de agora senón que cobran de xeito individualizado por cada unha das xestións que inclúe o procedemento. Ademais do incremento do gasto para os concellos, esta situación supón tamén unha incerteza para os concellos que non dispoñen dun histórico de datos para estimar o custo do servizo en cada municipio.
Aínda que a cuestión máis urxente, que se abordarán na xunta de goberno da mancomunidade, que quedaron en convocar como moi tarde o próximo luns, é a colmatación do vertedoiro que, segundo estimacións da empresa, esgotará a súa capacidade en 15 días. A falla dunha alternativa viable a tempo, a empresa propón recorrer a un xestor externo mentres non se procede a unha nova licitación do servizo.
Para o BNG este sería un parche temporal que daría solución tan só a curto prazo posto que acabaría coa premisa de xestión de proximidade e poñería en risco un importante número de postos de traballo. Os nacionalistas urxen ó presidente da Mancomunidade a iniciar canto antes o procedemento para poder sacar a licitación o novo contrato co fin de darlle unha solución estable ó problema de recollida e xestión de residuos a través da modernización da planta de Servia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí