PONTEVEDRA> As Rías Baixas continúan co foco posto na Comunidade Valenciana. Catro bombeiros pontevedreses trasladaranse en breve a Valencia como colaboración do Concello nas tarefas de rescate e recuperación dos danos causados pola DINA. Xunto con estes efectivos, aportarase un camión e material de rescate e achico. A previsión é que permanezan alí, polo menos, sete días.
O Concello de Pontevedra tamén enviará efectivos de apoio para axudar nas tarefas de rescate e recuperación das zonas arrasadas pola DINA na Comunidade Valenciana. En concreto, ata alá desprazaranse catro bombeiros. A medida responde ás peticións da Federación Valenciana de Municipios e Provincias que reclama efectivos ao tempo que pide que se limite o envío de comida ou produtos básicos, polas dificultades que supón a súa loxística.
A saída dos bombeiros producirase en canto o indique a Axega – 112 Galicia, que se encarga aquí de coordinar o envío de apoios á Comunidade Valenciana. O compromiso de Pontevedra é que actúen alí o tempo que sexa preciso.
E comprométense a enviar máis efectivos se así o piden.











