PONTEVEDRA> Posta de longo da candidatura de Iván Puentes como alcaldable do PSdeG-PSOE en Pontevedra. A presentación oficial celebrouse o venres, nun acto no que participaron unhas 200 persoas. Entre eles, pesos pesados do partido en Galicia: Carmela Silva, David Regades, Valentín González Formoso e José Miñones, recentemente nomeado Ministro de Sanidade.
Desembarco dos pesos pesados do Partido Socialista galego para arroupar ao seu candidato na cidade de Pontevedra. A presentación de Iván Puentes como alcaldable reuniu a preto de 200 persoas.
Na súa intervención ante o auditorio, Puentes fixo un chamamento á veciñanza a preguntarse se Pontevedra está a aproveitar as oportunidades que aparecen. Tamén se referiu ao compromiso do Goberno do Estado de investir 25 millóns de euros na cidade para rexenerar a costa. Algo que, insistiu, é unha realidade.
Este compromiso foi ratificado polo xa Ministro de Sanidade. José Miñones defendeu no seu discurso que Puentes é a mellor opción para gobernar Pontevedra.
Neste acto de presentación do seu equipo, Puentes estivo acompañado tamén pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o secretario provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, e por Valentín González Formoso, líder dos socialistas en Galicia.