Meis presume de xestión ao captar o 100% do financiamento para o arranxo do camiño do Batán

MEIS> O Concello de Meis pon a punto a vía que une os lugares do Batán con Couso. Trátase dun treito de dous quilómetros. A actuación tivo un custo de 70.000 euros, financiado ao 100% a través do Plan Marco da Xunta. A alcaldesa meisina salienta a importancia de presentar bos proxectos para conseguir fondos para actuacións como esta, sen que teñan impacto nas arcas municipais.

Trátase dunha actuación moi demandada polos veciños da zona, polo mal estado no que atopaba a vía. É a pista que une o lugar do Batán con Couso, entre as parroquias de San Martiño e a Armenteira.

A actuación foi financiada ao 100% a través do Plan Marco da Xunta. O Concello só ten que asumir o IVE do importe.

A alcaldesa pon en valor o traballo do equipo de goberno á hora de presentar proxecto para captar fondos doutras administracións.

Unha mellora que tamén vai repercutir na seguridade das persoas que fagan a Ruta da Pedra e da Auga, atravesada nun punto por este camiño. Nese lugar sinalouse un cruce para os peóns. Ademais de ser máis visibles para os condutores, os camiñantes poderán seguir a ruta sen ningunha complicación grazas á nova sinalización.