Guadi Galego e os tradicionais callos, pratos fortes das festas do San Bieito de Meis

MEIS> Meis ten todo listo para as súas festas do San Bieito. Guadi Galego será un dos pratos fortes da proposta musical, xunto con orquestras como Os Satélites ou a Marbella. Na parte gastronómica, os callos serán un ano máis os protagonistas absolutos destes festexos, coa XXXII edición da súa festa o 14 de xullo. Ademais, haberá distintas actividades paralelas, como o torneo interparroquial de fútbol ou a xa clásica BTT dos callos.

En Meis contan os días para as festas do San Bieito. Esta mañá desvelaron o programa deste ano, que ten como xornada principal a do 14 de xullo. Ese día celebrarase a XXXII edición da Festa dos Callos, unha das citas máis agardadas pola veciñanza e visitantes.

Esa mesma xornada Meis recibirá á gran protagonista do cartel deste ano, Guadi Galego, que ofrecerá un concerto no Mosteiro.

A programación musical das festas complétase con orquestras como Marbella ou Os Satélites, así como outras moitas animacións musicais. Dentro deste apartado, mención especial merece o concerto da coral Xuntanza de Meis, que celebra o seu trinta aniversario. Para o 10 de xullo, preparan unha actuación xunto con outras cinco formacións da contorna.

O cartel inclúe outras moitas propostas paralelas. Entre elas, a cuarta edición do terneo de fútbol interparroquial, que abre a programación o  29 deste mes.

E coincidindo co día grande da festa, a novena edición da ruta ciclista dos callos, da man de Armenteira e punto.

Falando de ciclismo, o día 13 de xullo, celebrarase unha das novidades deste ano, unha mini btt. Complétase a programación co VIII Torneo de Xadrez, que contará este ano tamén cun obradoiro.