RIANXO> Á convocatoria de concentración, que partiu do pósito rianxeiro, sumáronse tamén representantes doutras confrarías da Ría.
Con berros de ‘Fóra vertidos da ría de Arousa’, ou ‘Polo futuro da Ría’, máis dun centenar de mariñeiros chegados dende diferentes confrarías da ría de Arousa concentráronse este sábado na praza do Concello de Rianxo.
A convocatoria xurdiu coma protesta polo estado no que se atopa a Ría e a necesidade de tomar medidas que permitan, no mellor dos casos, recuperar a súa produtividade, poñendo o foco sobre os problemas dos vertidos, e esixindo ás Administracións, políticas encamiñadas a mellorar a actual situación, xa que o futuro do sector depende diso.
Ademais de Rianxo, na concentración tamén tomaron parte mariñeiros doutras confrarías da Ría, como tamén o fixeron os patróns maiores de Cabo de Cruz e Vilanova, e representantes tamén dos pósitos de carril e a Pobra.
A de Rianxo foi a primeira de moitas mobilizacións que virán a partir de agora noutros puntos da Ría. Segundo din, a unión de todos será crucial para o desenvolvemento futuro do sector, do que, na ría de Arousa, dependen, directa ou indirectamente, moitas familias.