18 eventos integrarán a programación do Maio cultural de Ribeira

RIBEIRA> O concello de Ribeira programou unha ampla programación para celebrar o Maio Cultural. As concellerías de Educación e Cultura colaboran coa biblioteca municipal na organización desta oferta de actividades que busca fomentar o uso da lingua galega e promover o coñecemento da cultura propia.

Comezará por todo o alto o día 1 co concerto de Xabier Díaz no auditorio municipal. Durante as fins de semana desenvolveranse contacontos nas distintas parroquias nos que  tódolos asistentes recibirán agasallos.

O domingo día 15 haberá teatro e cine de rúa así como actividades de animación musical durante toda a tarde mentres que o propio día 17 terá lugar un espectáculo na praza do concello sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas.

A programación completarase tamén coa ampla oferta promovida dende Cultura na que destaca a presentación da obra gañadora do concurso de novela curta Cidade de Ribeira.

O 27 de maio terá lugar a entrega de premios do concurso escolar das Letras Galegas que dende hai xa trinta anos promove a escritura en lingua galega entre os escolares do municipio. O 28 de maio terá lugar un concerto de corais no Auditorio municipal a partir das oito e media.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí