O GROVE> Multitudinaria concentración no Grove en repulsa polo falecemento de Andrés Rico, logo de sufrir unha agresión nun partido de balonmán en Vilalonga. A corporación municipal ao completo encabezou un minuto de silencio. Ao acto tamén asistiron o alcalde e concelleiros de Sanxenxo e o presidente da Federación Galega de Balonmán. Todos fixeron un chamamento a reflexionar sobre o acontecido e o incremento da violencia no deporte.
Centos e centos de persoas participaron na concentración de repulsa contara a violencia celebrada este martes no Grove. Unha convocatoria á que a vila acudiu en masa logo do falecemento de Andrés Rico, de 68 anos, logo de ter sufrido unha agresión hai dous meses nun partido de balonmán feminino da categoría cadete entre O Rasoeiro e o Sanxenxo que estaba a arbitrar o seu neto. Foi agredido por un seareiro do Rasoeiro, logo de pedirlle que deixase de insultar ao árbitro.
A corporación meca ao completo encabezou un minuto de silencio ao que se sumaron tamén o alcalde de Sanxenxo e varios concelleiros, porque os feitos tiveron lugar naquel municipio. O alcalde, familiar próximo da vítima, agradeceu a resposta masiva da veciñanza e convidou a toda a sociedade a reflrexionar sobre o acontecido.
Na concentración tamén participaron representantes da Federación Galega de Balonmán. Cren que o acontecido ten que marcar un punto de inflexión a respecto da violencia no deporte.
E din que xa levan tempo tomando medidas, en especial logo do acontecido en Vilalonga o pasado 15 de decembro, as actitudes violentas están a ser unha constante no deporte.
O Grove viviu hoxe a primeira das tres xornadas de loito oficial decretadas no municipio. Na casa do Concello no Corgo as bandeiras ondean a media asta; mentres que na tenda de deportes que rexentaba a vítima, na céntrica rúa Castelao, a fachada encheuse de flores para lembrar a Andrés, traídas ata aquí por veciños e amigos que aínda non dan creto a este terrible desenlace.









