Complícase a permanencia do Liceo tras caer na Coruña

SALNÉS> Esta xornada non xogou o Establecimientos Otero pero sí o fixo o Liceo Casino. Os vilagarciáns caeron na pista do Club del Mar por 5-1 e complícanse moito a súa permanencia da División de Honra Nacional.

Paso atrás do Liceo Casino que perdeu esta semana e volve a ocupar postos de descenso na División de Honra Nacional. Os vilagarciáns viron freada a súa excelente xeira de resultados na Coruña, onde caeron fronte ó Club del Mar, un equipo que se está a xogar meterse na fase de ascenso.

As cousas comezaron moi ben para o Liceo grazas ó triunfo no primeiro encontro de Sergey Nigeruk, que superou sen problemas a Jacobo Enseñat por 0-3. Foi o único punto sumado polos visitantes, que a partir de ahí perderon tódolos encontros, e todos polo mesmo marcador parcial, 3 -1. Ramón Mampel e Francisco Monroy nada puideron facer ante os seus rivais, mentres que no quinto punto, o chino Quiang Zhao superou a Nigeruk no duelo entre primeiras espadas que foi decisivo para que o triunfo quedase na Coruña.

Así as cousas, o resto de resultados que se deron nesta última xornada, complican a permanencia do Liceo que volveu a postos de descenso superado polo Helios. Ós vilagarciáns quédanlle tan só dus partidos por disputar e terá que gañar ambos para ter opcións de salvación. O primeiro duelo será o 5 de maio ante o Tramuntana Figueres, un equipo que está a loitar pola terceira posición, e o derradeiro ante o Aritmos Borges, penúltimo na táboa e que podería chegar con vida a Vilagarcía.

Boa parte das esperanzas de permanencia do Liceo pasan polo que poida facer o equipo veciño, o Establecimientos Otero, que esta semana descansou. Os cambadeses deberán afrontar un dobre desprazamento a terras aragonesas para xogarse a súa presencia na fase de ascenso ante o Helios e o Cai Santiago, dous rivais directos do Liceo. Os de San Tomé deberán gañar ambos partidos e tamén o último ante o Monteporreiro para ter opcións de ser terceiro e loitar por subir a Superdivisión.

Redacción Salnés