MARÍN> A Xunta avanza na mellora da rede de saneamento no río Lameira, en Marín. Trátase dunha actuación que conta cun investimento de máis de 3 millóns de euros e que beneficiará a unha poboación potencial de case 10.000 persoas. Está previsto que os traballos rematen a finais deste ano. Hoxe visitou a zona a conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
A Xunta avanza nas obras para a mellora da rede de saneamento da contorna do río Lameira, ao seu paso por Marín. Unha actuación na que se investirán máis de 3 millóns de euros e que beneficiará a unha poboación potencial de case 10.000 persoas.
A previsión é que se remate a finais deste ano. Agora os traballos céntranse na renovación do colector xeral do Lameira, unha das pezas clave para o funcionamento de toda a rede municipal. Aquí cáptanse os caudais dunha importante parte do núcleo urbano e desemboca finalmente no bombeo do río.
As obras prevén tamén a construción dun novo depósito de retención que actuará como elemento regulador dos caudais de pluviais que chegan á estación depuradora de augas residuais municipal.
Esta é unha das dúas actuacións principais incluídas no proxecto que está a executar Augas de Galicia, co fin de mellorar o colector actual, de 1.600 metros desde a súa orixe na PO-313 ata a ponte Zapal, e retiralo do leito do río.











