MARÍN> Multitudinario funeral esta tarde en recordo dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo. A cerimonia celebrouse en Marín. Ata a localidade desprazáronse os Reis de España, o Ministro de Pesca ou o presidente da Xunta, entre outras autoridades. Tamén representantes dos concellos nos que vivían os mariñeiros falecidos ou desaparecidos, como é o caso de Cambados e Pontevedra.
O Templo Novo de Marín quedou pequeno para acoller a todos os que quixeron despedir aos 21 tripulantes falecidos no naufraxio do villa de Pitanxo e acompañar ás familias. Centenares de persoas tiveron que seguir a misa no exterior, na pantalla que retransmitía o que estaba a acontecer dentro do templo.
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, foi o encargado de oficiar unha misa na que estiveron presentes os Reis de España. Tamén asistiron o ministro de Pesca, o presidente da Xunta de Galicia, e representantes doutras administracións e dos concellos dos que eran veciños os mariñeiros.
Tras finalizar a misa, María José de Pazo falou en nome das familias. Piden que se busque aos desaparecidos.
Entre os asistentes, estivo tamén Samuel, un dos supervivintes do afundimento.
Antes da misa, representantes das 21 familias foron convocadas a un encontro con Felipe VI e a raíña Letizia, que quixeron trasladarlles o seu pésame e escoitar de primeira man as súas demandas. Tamén estiveron na reunión o ministro Planas, o presidente da Xunta e a alcaldesa de Marín.
Xa fóra do templo, alumnos da Escola Naval de Marín cantaron a ‘Salve mariñeira’. As familias, pola súa banda, depositaron rosas brancas en recordo dos seus seres queridos que faleceron na traxedia do 15 de febreiro en Terranova.