MARÍN> Marín continúa agardando algunha noticia dos seus veciños desaparecidos nos terremotos de Venezuela. Nada se sabe desta familia de orixe venezolana de catro membros que chegou a La Guaira o luns da semana pasada para pasar as vacacións. Hoxe o concello celebrou un emotivo minuto de silencio en sinal de solidariedade coas vítimas; acto que estivo marcado pola dor e pola esperanza de localizar a esta familia que reside dende hai 12 anos no municipio.
Decenas de persoas sumáronse este mediodía ao minuto de silencio convocado polo concello de Marín en solidariedade co pobo venezolano.
Un acto que estivo marcado pola falta de noticias sobre a familia de orixe venezolana e veciña de Marín que estaba de viaxe en La Guaira no momento dos terretomotos.
Veciños e amigos da familia, comunidade educativa do colexio La Inmaculada ao que asisten os nenos e membros do deporte base, ao que os catro están estreitamente ligados, participaron da concentración.
A situación na que se atopa esta familia marinense é un exemplo do que están a pasar milleiros de persoas en Venezuela. Ao minuto de silencio asistiron outros venezolanos afincados en Marín, que viven con angustia as noticias, e a falta delas, que chegan dende o seu país.
Tamén se celebrou un minuto de silencio diante da Casa Consistorial de Pontevedra. Aquí asistiron membros da corporación local e representantes da asociación Asovedra. Advirten de que a situación en Venezuela é de emerxencia total.











