Marín fusiona o seu Día das Letras Galegas co festival Vila do Libro

MARÍN> Marín converterase nunha Vila do Libro esta fin de semana. O concello súmase por primeira vez a esta rede, levando ata o municipio tres xornadas de actividades variadas ao redor da lectura. Haberá charlas, presentacións, encontros con autores e obradoiros para todos os públicos. Unha programación que se fusiona coa impulsada directamente polo concello para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Esta fin de semana, Marín converterase nunha auténtica Vila do Libro. O concello estréase como sede desta iniciativa, un festival literario que do 16 ao 18 de maio ofrecerá unha programación que mestura literatura, obradoiros, música, poesías e encontros con autores.

Todas as actividades desenvolveranse, se o tempo o permite, entre a Alameda, a Igrexa Vella e a Rúa Real. Unha proposta para encher de vida estes espazos.

A inauguración desta Vila do Libro será o venres ás 7 e media da tarde. Abrirán a programación o escritor Manel Loureiro e o xornalista Ramón Mella, cunha conversa sobre literatura. Unha charla sobre a novela negra dende a perspectiva da muller, obradoiros de encadernación, recitais poéticos, concertos e mesmo unha feira do libro usado forman parte desta proposta.

Ademais, esta fin de semana a programación de Marín Vila do Libro fusiónase coa que deseñou o concello para conmemorar o Día das Letras Galegas. O acto central será o sábado á 1 do mediodía na Igrexa Vella, coa entrega do décimo oitavo Premio de Narración Curta do Concello de Marín.

Estas tres xornadas pasarán tamén por Marín os grupos Leilía e Gallos del Norte e escritores como Elena Gallego ou Francisco Castro, entre outros.