MARÍN> Concello de Marín, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia colaborarán na reforma integral do pavillón deportivo do colexio Sequelo, na vila mariñense. A actuación ten un orzamento de 725.000 euros, dos que a administración provincial achegará algo máis de 360.000, o 50% do custo total. Farao a través do plan +Provincia.
A reforma integral do pavillón deportivo do colexio Sequelo, en Marín, suporá un investimento de 725.000 euros. Desta contía, a Deputación de Pontevedra achega o 50% a través do Plan +Provincia, froito dunha colaboración a tres bandas entre a administración provincial, o concello e a Xunta de Galicia.
O proxecto consiste na substitución da cuberta e renovación das fachadas para mellorar o illamento e a eficiencia enerxética. Está prevista a renovación das carpinterías e vidros no inmoble, así como a instalación de bombas de calor con enerxía renovable e a renovación das instalacións eléctricas, para afondar na sustentabilidade do mesmo. Tamén se intervirá na contorna do pavillón para mellorar a accesibilidade.
A reforma do pavillón do Sequelo non é o único proxecto no que a Deputación colabora co Concello. A través dos plans de Cooperación está previsto o investimento este ano no concello un total de 2,4 millóns de euros, destacando máis dun millón de euros do Plan Extra para a humanización da rúa Tiro Naval Janer.
En materia deportiva, a Deputación destinou dende o 2023 case 1,2 millóns de euros a actuacións no concello de Marín. Destaca, entre outras, a reforma do pavillón da Cañota, recentemente inaugurado.