Volven as ‘Visitas Guiadas’ a Noia na Semana Santa

NOIA> Un ano máis a concellería de Turismo e a asociación Noia Histórica volven a organizar as Visitas Guiadas durante esta Semana Santa.

Desenvolveranse este xoves, o venres e o sábado, en horario de mañá, de doce a unha e media, e teñen como principal obxectivo poñer en valor a riqueza patrimonial e histórica da vila.

Trátase dunha actividade con gran demanda, que leva organizándose dende hai anos, cun prezo simbólico de tres euros, que serán canxeable en calquera dos negocios asociados a Noia Histórica.

As persoas interesadas poderán inscribirse ou obter máis información na propia oficina de Turismo, no edificio do antigo Casino.