Noia homenaxea ó cabo Laíño, ferido nun atentado en Afganistán

homenaxecabonoia_100_160407.jpgNOIA > A corporación municipal de Noia rendeu unha emotiva homenaxe ó cabo Jorge Laíño, ferido nun atentado en Afganistan hai dous meses.

Os actos, celebrados o pasado sábado, deron comezo coa recepción ás portas da casa consistorial por parte dos membros da corporación municipal ó cabo Jorge Laíño e a súa familia. Unha vez no interior do concello, o alcalde noiés dou lectura á declaración institucional de apoio ó militar ferido que foi aprobada de xeito unánime por toda a corporación no último pleno.

Tras facerlle entrega dunha placa conmemorativa, Antonio Pérez Insua dedicou unha palabras ó homenaxeado facendo un repaso pola súa traxectoria profesional no exército do que forma parte dende hai cinco anos. O rexedor destacou ademais a valentía amosada polo soldado nunha situación tan grave como a vivida na que intentou, en todo momento, minimizar a preocupación da súa familia.

A pesar do grave atentado sufrido na base de Shindad, en Afganistán, o cabo Jorge Laíño del Río, ten previsto continuar a súa traxectoria como soldado profesional e, unha vez recuperado da súa operación na que foi preciso extirparlle o bazo, volverá a participar en labores humanitarias en Afganistán.

Lembranza para Idoia Rodríguez

Na súa intervención, Jorge Laíño quixo agradecer tanto á corpoación como a tódolos veciños o apoio amosado a toda a súa familia dende que se coñeceu a nova do atendado no que, desgraciadamente, faleceu a súa compañeira Idoia Rodríguez, para a que tivo unha especial lembranza.

Ademais dos seus familiares e amigos, tamén quixeron asistir á homenaxe varios compañeiros do cabo como o teniente coronel, Victor Caride, o teniente Antonio Rodríguez e o sarxento primeiro, Juan Sebastián María, todos eles membros da Brilat, ou o comandante do EVA 10, Ramón Río acompañado do sarxento primeiro do escuadrón, Francisco Ferro.

Redacción Barbanza