PONTEVEDRA> Pontevedra foi o lugar elixido para acoller a sexta edición dos Premios Martín Códax da Música. Máis de 700 profesionais encheron o Pazo da Cultura pero soamente 18 conseguiron o ansiado galardón.
54 finalistas e tan só 18 galardóns. Os Premios Martín Códax da Música encheron o Pazo da Cultura de Pontevedra cun espectáculo dirixido por Quico Cadaval e no que Lucía Aldao e María Lado exerceron de mestras de cerimonias. Os grupos Baiuca, Bala, Tanxugueiras ou Wöyza foron algúns dos premiados grazas as súas propostas musicais con proxección nacional e internacional.
A gran festa da música galega estivo marcada pola creatividade, polo humor e, como era de esperar, pola reivindicación.
A presidenta de Músicas ao Vivo, Sonia Lebedysnki, aproveitou a ocasión para reclamar espazos onde estea presente a nosa música, a galega.
O premio honorífico deste ano foi para o saxofonista Carlos Barruso. Cabe destacar tamén que as figuras de Melómanos e Melómanas entregadas aos premiados, foron creadas polo escultor e músico Víctor Lorenzo. Unha nova edición dos Premios Martín Códax da Música que termina, pero o que nunca rematará será a música feita en galego.