‘Almorzos saudables’ co alumnado do colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia e mexillóns galegos

SANXENXO> Arrancan os ‘Almorzos saudables’ en Sanxenxo. O alumnado de 6º de primaria do colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia foi o primeiro grupo en participar nesta iniciativa impulsada polo Obradoiro de Hostalería do Salnés. O obxectivo é que a rapazada vaia tomando conciencia da importancia de adquirir bos hábitos alimenticios, comezando polo almorzo, que é a comida máis importante do día. Na actividade puideron preparar distintas propostas e tamén degustar diversas elaboracións, tan saborosas como boas para a saúde.

A rapazada do colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia foi a encargada de inaugurar hoxe unha nova edición dos ‘Almorzos saudables’ do Obradoiro de Hostalería do Salnés. Aquí puideron preparar e saborear distintas opcións, por suposto, boas para a saúde. O alumnado, de 6º de primaria, chegou coa lección ben aprendida.

Ademais deste grupo, por aquí pasarán tamén estes días alumnos do Valle-Inclán e das Vizocas, do Grove.

O alumnado do obradoiro encárgase de guiar á rapazada polas distintas estacións, dende levar unha bandexa a poñer a mesa, aprendendo tamén a amasar ou cociñar un menú saudable. Un dos ingredientes estrela destas xornada está sendo o mexillón. De feito, aproveitando a actividade a Mancomunidade asinaba tamén esta mañá un convenio de colaboración con Mexillón de Galicia.

Unha colaboración que irá máis alá destas xornadas, co mexillón galego como protagonista noutras iniciativas do obradoiro de emprego ao longo dos vindeiros meses.