As familias do Villa de Pitanxo ‘máis fortes que nunca’ tras coñecer o informe técnico sobre o naufraxio

PONTEVEDRA> Tras coñecer o informe da CIAIM, as familias dos mariñeiros falecidos aseguran estar satisfeitas. Hoxe compareceu ante os medios de comunicación a súa voceira, María José de Pazo, filla dun dos tripulantes desaparecidos no naufraxio. Cren que o documento é rotundo, cunhas conclusións que amplían o espectro de responsabilidades. Continúan a reclamar xustiza para os seus mortos.

Satisfacción entre as familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo tras coñecer o informe definitivo do CIAIM.

Para De Pazo, este documento deixa conclusións horribles que influíron no balance final que deixou a traxedia vivida en febreiro de 2022 en augas de Terranova.

Este informe dá pulo ás familias para seguir coa súa loita. E avisan: continuarán pelexando pola verdade e a xustiza.

Estas conclusións do CIAIM pasarán agora a mans da Audiencia Nacional. Tras incorporalo á causa, as partes terán a oportunidade de solicitar máis dilixencias en base a este informe.

Lampón explicou que o equipo xurídico das familias tomará as decisións pertinentes cando poida acceder ao soporte documental completo deste informe.

Reacción dos avogados defensores

Pola súa banda, os representantes legais do patrón Juan Padín e da armadora Pesquería Nores Marín, consideran que o informe da CIAIM chega a conclusións incorrectas e desconectadas das probas practicadas polo que cren que non ten unha base probatoria sólida. Ademais, refírense á sentenza do Xulgado do Mercantil 2 de Pontevedra que condenou a tres aseguradoras a indemnizar á armadora porque non quedara acreditada ningunha concorrencia que puidera exoneralas. Neste proceso, aseguran os avogados defensores, abordáronse a maior parte das cuestións que a CIAIM sinala que contribuíron ao naufraxio.

Que di o informe da CIAIM?
O pesqueiro Villa de Pitanxo ía sobrecargado no momento do seu afundimento en Terranova en febreiro de 2022. É a conclusión que recollen no seu informe os técnicos da comisión permanente de investigación de accidentes e incidentes marítimos, CIAIM. Un documento que apunta tamén á responsabilidade do patrón, Juan Padín. Cren que deu a orde de evacuación moi tarde, provocando as graves consecuencias que tivo o naufraxio. Recordemos que foron 21 os mariñeiros falecidos. Só salvaron a vida o patrón, seu sobriño e un dos tripulantes, Samuel Kwesi. Tamén atribúen a Padín e á empresa armadora, Pesquerías Nores, a falta de control para evitar a sobrecarga de combustible e artes que, segundo a CIAIM, superaban o peso contemplado no libro de estabilidade do buque.

Os expertos recollen no informe que non se tomaron as medidas de precaución ante a posibilidade de ter que realizar unha virada en condicións meteorolóxicas moi adversas. Apuntan ademais a que na última fase da manobra previa ao afundimento, Padín realizou unha valoración insuficiente ou inaxeitada da situación do barco, que rematou por provocar a parada do motor. Neste momento, din, a inundación estaba moi avanzada e o afundimento era inevitable. Esta conclusión coincide coa declaración que fixera Kwesi. Non así as do patrón e do seu sobriño, que aseguraran que fora o paro do motor o que provocara o naufraxio. Os técnicos da CIAIM apuntan tamén a que os traxes de inmersión non foran revisados conforme á normativa.