Somos Refuxio Barbanza convoca unha vixilia solidaria por Palestina

RIBEIRA> Ribeira acollerá este sábado unha vixilia solidaria contra o xenocidio en Palestina. Está convocada polo colectivo Somos Refuxio do Barbanza. Desenvolverase na Porta do Son con actividades culturais e informativas.

A comarca do Barbanza alzará a voz contra o xenocidio israelí en Palestino. A representación do colectivo Somos Refuxio no Barbanza convocou unha vixilia solidaria, como xa fixeran no 2016, ano da súa constitución trala crise dos refuxiados de Siria.

A vixilia dará comezo este sábado ás 4 da tarde e durará 24 horas. Instalarase un campamento no que se desenvolverán actividades durante toda a xornada con micro aberto, concertos e un espazo informativo.

Buscan deste xeito solidarizarse co pobo palestino, vítima dunha escalada de violencia que ó longo do último ano levou á súa poboación ó bordo do exterminio.

Convidan ós asistentes a levar candeas, bandeiras ou carteis con mensaxes de apoio para denunciar o horror que os organismos internacionais xa cualifican de xenocidio.