RIBEIRA> As ANPAS dos centros educativos de Ribeira denuncian os drásticos recortes de profesorado para este curso. Presentarán unha queixa ante a Valedora do Pobo e non descartan mobilizacións para que o alumnado conte cos apoios necesarios para unha educación de calidade.
A resolución definitiva do PROA emitida onte mesmo confirmou o peor dos escenarios para Ribeira. Seis centros educativos quedan excluídos do programa mentres que tan só se concede un especialista ó colexio de Artes pero a tempo parcial.
Confírmase así a drástica redución de profesorado en tódolos centros tanto no que respecta a persoal docente como especialistas en AL e PT, profesores de apoio e coidadores. Os peor parados son os alumnos con necesidades específicas de apoio educativo quedando algúns ciclos totalmente desatendidos como é o caso de infantil, 2º e 3º da ESO e Bacharelato.
Ademais de remitir un escrito á xefatura territorial de Educación, Inspección Educativa e a propia Consellería, as ANPAS darán agora un paso máis coa presentación dunha queixa ante a Valedora do Pobo. Non descartan tampouco iniciar mobilizacións ou outras medidas de presión como o envío de queixas individuais por parte das familias .Denuncian ademais a presión que dende a propia Consellería están a exercer sobre as direccións dos centros.
Critican o triunfalismo amosado polo goberno autonómico posto que os recortes son brutais e xeralizados practicamente en toda Galicia.











