Desaloxan a varios veciños polo incendio dun taller na Pobra

POBRA> Os veciños da rúa Gavoteira, na Pobra, levaron un bo susto a pasada noite. O incendio nun taller mecánico obrigou ó desaloxo das vivendas próximas. A rápida intervención dos bombeiros evitou a propagación das lapas polo que os afectados puideron volver ás súas casas pasada a medianoite.

Pasadas as once da noite, o 112 recibía o aviso dun incendio nun taller da Pobra. Ata o lugar desprazáronse dotacións dos parques de bombeiros de Ribeira e Boiro así como efectivos da policía local e de protección civil da Pobra. Á súa chegada ó lugar, situado na céntrica rúa Gavoteira, comprobaron que o propietario do negocio estaba no interior tentando apagar o lume. Presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume polo que foi trasladado en ambulancia ó hospital do Barbanza.

Tamén foi preciso desaloxar ós veciños das vivendas próximas. A rápida intervención dos equipos de emerxencia evitou danos persoais aínda que as lapas si causaron cuantiosas perdas no taller, tanto na maquinaria como nos vehículos que se atopaban no interior.

O operativo deuse por finalizado preto da unha da madrugada, tras refrixerar e ventilar o local garantindo as condicións de seguridade para que os veciños puideran volver ós seus domicilios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí