PONTEVEDRA> A Policía Local de Pontevedra estrea unha nova ferramenta. Trátase dun dron equipado con tres cámaras que se empregará fundamentalmente en accidentes, emerxencias e na vixilancia dos grandes eventos. De feito, a intención é estrear este novo equipamento no marco do dispositivo do Multisport de Tríatlon de finais deste mes.
Este novo dron incorpórase á Policía Local de Pontevedra. Trátase dun equipamento que permitirá aos axentes obter información en tempo real tanto en situacións de emerxencia como en grandes eventos.
O dron supuxo un investimento duns 15.000 euros. Está equipado con tres cámaras con tres sensores diferentes que permiten a visión normal, cámara térmica e dous modos de visión nocturna. Tamén un telémetro láser, que permite tomar medidas ou medir distancias.
A estrea desta nova ferramenta da Policía Local será no marco do Multisport de Tríatlon, que se celebrará na cidade entre o 20 e o 29 de xuño. Permitirá, explican, completar todo o dispositivo posto en marcha.
O dron pesa ao redor de 1.200 gramos e pode afastarse ata 2 quilómetros do piloto. A autonomía de voo é de 45 minutos. Inicialmente, serán cinco os axentes que recibirán formación para pilotalo, aínda que a intención é capacitar a vinte policías locais para o seu manexo.











